O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado por Decisión de Execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, prevé na medida 7 actuacións dirixidas á mellora dos Servizos básicos e renovación de poboacións nas zonas rurais. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración Xeral do Estado.
Dado que a promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese, dando continuidade á liña de proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, o apoio a actuacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables.
O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) é un ente de dereito público creado especificamente mediante a Lei 3/1999, do 11 de marzo, que presta soporte á consellería competente en materia enerxética, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.
Este establecemento ven de ser subvencionado con 4.326,53 EUR para a instalación dun sistema de climatización e ACS basado en enerxía aerotérmica. Coa instalación desta tecnoloxía de alta eficiencia enerxética conséguese un importante aforro no consumo de enerxía primaria e, polo tanto, nas emisións de gases contaminantes á atmosfera.